Novidades da Editorial Galaxia


 "O vigairo. A monxa-frade.Agromar. Aucto de Santa María"
 XOSÉ FILGUEIRA VALVERDE
 Colección LITERARIA
 EDITORIAL GALAXIA 2015
 164 páxinas
 P.V.P: 14€ Ive incluido.


Coincidindo co Día das Letras Galegas dedicado a Xosé Filgueira Valverde, EditoriaL Galaxia publica a Bibioteca Filgueira Valverde, ilustrada en cuberta coa obra pictórica de Ovidio Murguía. O segundo título desta serie, logo da publicación de Quintana viva, está formado por catro obras de dous xéneros diferentes: a narrativa e o teatro. O vigairo, publicado por primeira vez en 1927, é un canto literario ao mar de Pontevedra. A monxa-frade, un relato inédito de inspiración histórica; e á literatura dramática pertencen Agromar (1936) e Aucto de Santa María (1969).

En O vigairo, Filgueira Valverde fai unha loa literaria do mar de Pontevedra; o mar do comercio do sal e dos quimóns da sardiña. Os vigairos eran as vellas autoridades dos gremios do mar, evocados nun texto que vén dacabalo da ficción narrativa e a lírica ensoñadora. Saudades dunha Pontevedra soñada, documentada, mais tamén imaxinada, unha das constantes  da preocupacion intelectual, histórica, artística e mesmo literaria do autor.

A monxa-frade, tamén de inspiración histórica, aínda que ficcionada, é un texto inédito que xurdiu dunha encomenda dos promotores da colección "Contos do Castromil" (1992). Filgueira Valverde preparou este relato, que non chegou a rematar estilísticamente, máis que formal e estruturalmente está xa logrado. Como tal, como non totalmente concluído, publícase neste libro.

Agromar é moito máis ca teatro infantil, son reflexións sobre o proxecto galeguista nunha época na que se vivía a tensión ideolóxica e cultural entre o mundo da vila e o mundo da aldea. Pola súa banda, Aucto de como Santa María foi levada aos ceos pra a festa da nose señora en agosto (refeito con testos dos séculos XIII e XIV) foi publicado por primeira vez no número 25 da revista Frial. Unha vez máis, Filgueira bota man da erudición histórica para reelaborar un auto sacramental que relaciona coas orixes ou tradición do teatro galego: "Unha peza de teatro litúrxico medieval na nosa fala galega", segundo advirte o autor no limiar.

Comentarios

Entradas populares de este blog

"O faro escuro" de María López Sández

"La Biblia de Barro" de Julia Navarro

Fragmento de "Los últimos días de nuestros padres" de Joël Dicker