Fragmentos de "Biff,Bang,Pow!" de Xabier López López

"Agora que o penso... Hai unha cousa que non lles contei e que  demanda liñas nestes intres de reflexión. Londres non se definira coas primeiras luces do día...Non, non o fixera. Para quen viaxa é verdade incontestable que a chegada nocturna a un novo escenario vital ten visos de irrealidade, de periplo onírico. Pouco a pouco, coa lentitude de que arma un crebacabezas, construímos a cidade a partir das sombras vomitadas polas ventás trementes dun autobús calquera. Aquelas luces en ringleira, aparecendo, ocultándose, reaparecendo entre as fragas negras da beiravía, sonche as dunha avenida, as dunha estrada rapida repleta de Austins e Vespas, na que facer autostop e unha utopía. Aquela sombra lanzal na que a lúa semella estar picada coma unha oliva é a torre dunha estacion radiofónica, a esas horas asolagando as ondas hertzianas de cancións dedicadas: "Rose Mary, ou Mari Pili, que é a mesma, para que aquel compañeiro de traballo a convide a saír, que morre por el nun silencio de fantasías e lencería para a estrea"; "Mack The Knife, Pedro Navalla, para todos os reclusos do penal, coa mensaxe esperanzadora do que goza do terceiro grao". O penal, si, acaso aquela masa gris rizada de aramados que escapa da liña luminosa tirada dende o cartabón dun urbanista.

Pouco ten que ver ese óleo imaxinado co que se albisca con lagañas a través da ventá da maña; a luz, a branca luz do día novo, pon de relevo o noso erro amosándonos unha paisaxe distinta, marco definitivo do cotián ata o momento de pagar a factura e furtar as toallas.

A primeira mañá en Londres incumpriu a regra con desprezo de excepción matemática. O contorno da noite, borroso, onirico, surreal, quedaba nas rúas sen que o sol matutino o evaporase. Non, Londres non se definira. Nin entón nin nos dous anos seguintes. Cada día mudaba a pel coma as serpes para achegarse irrecoñecible e morderme os nocellos, nesa porción de carne núa, fracaso nunca superado das miñas zapatillas de lamé"

Comentarios

Entradas populares de este blog

Fragmento de "Los últimos días de nuestros padres" de Joël Dicker

SANTIAGO DE COMPOSTELA EN LOS LIBROS

"O faro escuro" de María López Sández