Fragmento de "Os nenos da varíola" de María Solar

Posse Roybanes miraba absorto para aquel grande home; sen dúbida de que o era.
- Véxolle ilusión, esforzo e empeño, pero como o van lograr?.
Balmis achegouse de novo e falou entusiamado.
- Primeiro difundiremos a vacina polos distintos territorios, despois instruiremos médicos e outras persoas na técnica da vacinación e, en terceiro lugar,  crearemos xuntas de vacinación nas capitais e principais cidades dos vicerreinados. Deste xeito, tras nós abandonar a zona, o método quedará asentado e seguirán vacinando a toda a poboación. A Imprenta Real imprimiu cincocentos libros do Tratado histórico e práctico da vacina, escrito por Jacques-Lois Moreaur de la Sarthe, e que eu mesmo traducín, formaremos os médicos locais, nós só seremos os espalladores da vacinación, eles practicarana a diario. 
Balmis sentou e daquela levantouse Posse. Camiñou pensativo polo cuarto buscando tamén a luz da fiestra.
- A idea é boa, e o fin magnífico...: pero parece un empeño de titáns. Como van poder organizar todo iso desde España?
- Nada queda ao chou, doutor. Os barcos correo coas Américas xa partiron a primeiros de mes cunha carta do ministro Caballero coa resolución do rei sobre a propagación da vacina,  coas ordes detalladas dirixidas aos vecerreis de Nova España, o Perú, Buenos Aires e Santa Fe; ao comandante xeneral das provincias do interior; aos capitans xeneráis das illas Canarias, que será o noso primeiro destino, tamen aos das illas Filipinas e Caracas; e aos gobernadores da Habana, e Porto Rico. A todos se lles solicita hospedaxe, transporte, alimentación, toda a infraestructura e disposición necesaria para levarlles a vacina. Posse, aínda diante da fiestra, escoitaba admirado.
 Houbo un breve silencio.
 E engadiu.
- Poida, doutor Balmis, que sexa o carácter desconfiado e escéptico que sabe que temos os galegos, pero aínda con toda esa endemoñada organización conseguida, aínda imaxinando que as autoridades locais colaborasen e que os indíxenas se deixasen vacinar..., cómo van levar a vacina ata alá? Brazo a brazo?
- É a única maneira.
- Pero por Deus, doutor... Ben sei que o método de levar fías impregnadas da varíola non aguantaría a viaxe, pero cre de verdade posible establecer unha cadea humana con vacinacións cada dez días desde España ata os confíns de América sen romper nunca a cadea? Conseguindo sempre persoas ás que vacinar?
- Os distintos territorios encargaranse diso
- Pero como?- Posse non daba crédito.
- Con voluntarios, con soldados, con escravos...Con quen sexa necesario, calquera libre de varíolas, preferiblemente rapaces, que son corpos sans. Desposis, unha vez establecida a vacinación polas xuntas de cada capital, eles mesmos se encargarán.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Fragmento de "Los últimos días de nuestros padres" de Joël Dicker

SANTIAGO DE COMPOSTELA EN LOS LIBROS

"O faro escuro" de María López Sández