Fragmento de "O viaxeiro radical" de Xerardo Quintiá
" En certo xeito, querido Manfred, a vida é así, e a todos nos pasa o mesmo. Quero dicir que, se o miras ben, a vida consiste niso, en carretar unha pedra costa arriba e cando chegas á cima e volves a vista, ves como todo se esmendrella e tes que empezar outra vez. Quizabes a felicidade, se é que a hai, estea en non pensar moito, ou en disimular cun mesmo e convencerse de que cada vez a pedra é unha pedra distinta, e tamén o monte, e tamén a cima. Así, polo menos, o esfrozo non é tan absurdo. Non cho parece? Nunha das túas cartas dicíasme que eu era un home práctico e que todo o que facía se cimentaba en algo real e tanxibel. É certo. Sempre me fiei máis daquilo que vexo e toco que de calquera outra cousa: o meu son os parafusos e a graxa e os motores, aí son feliz; pero malia o meu apego á realidade vexo claramente esa aura que sempre te envurullou e amólame que a xente che faga dano.
Como che dicía ao primeiro, tes que ser forte. Non queda outra. E se che esmendrellaron o que construíras, volve construílo outra vez, pero agora, de ser posible, faino aínda máis grande e máis fermoso. Que o vexan ben. Que todos o vexan ben. Non lembras cando me falabas de Van Gogh e me dicías que as pasara louras toda a vida? Pero malia a adversidade endexamais se veu abaixo, endesamais renunciou a facer o que de verdade lle gustaba. Ti tampouco o fagas, tampouco te veñas abaixo. Se cadra, cando eramos novos, non entendía esa teima túa de andar coa cabeza nos biosbardos. Se cadra daquela pensaba un chisco como pai, e o de que te fixeses artista parecíame unha trapallada coma outra calquera, pero agora entendo -querido irmán- que se algunha posibilidade temos de ser moderadamente felices, esta radica en que polo menos poidamos escoller nós mesmos a pedra que nos corresponda subir.
Sempre teu, teu irmán que non te esquece. "
*Para Vicky*
Comentarios
Publicar un comentario