Fragmento de "Vic e Bombona" de Sara Barreiro

" O neno abriu moito os ollos e púxose de xeonllos para tocar a trapela, pero non a alcanzou, polo que dun salto caeu dentro do burato e  escoitou como a madeira sobre a que se puxera de pé, renxía. Moveuse con coidado mentres falaba con Bombona.

- Pero amiga! Como o conseguiches? Por isto tiñas onte as patas cheas de terra, agora entendo...Es a mellor cadela do mundo. Imos tentar abrir esta trapela e ver que hai dentro. E mañá volveremos para ver de adiviñar que hai ao outro lado da corda sen pillar unha molladura e sen que mamá berre cos dous.

Vic analizou os bordos da trapela. Para levantala tería que sair do burato, senón sería imposible. Coa man dereita limpou os restos de terra que quedaran sobre a madeira e descubriu unha inscrición que dicía "The Brigde". Seguiu quitando a terra e atopou unha pechadura. Desilusionouse un pouco, pois aquilo significaba que precisaba dunha chave para abrir a porta. Era unha pechadura de chave grande, de tipo antiga, coma as dos castelos dos libros que tantas veces lera.

-Meu Deus! Bombona! Nin imaxinas o que descubriches! É o principio dunha aventura! Tal e como contou a señora Haider, a vida real pode proporcionar historias reais. Temos que atopar a forma de abrir esta trapela. "

Comentarios

Entradas populares de este blog

"O faro escuro" de María López Sández

"La Biblia de Barro" de Julia Navarro

Fragmento de "Los últimos días de nuestros padres" de Joël Dicker