Fragmento de "Manuel María.Antoloxía poética" de Darío Xohán Cabana e Amelia Outeiro Portela

ACUSO A CLASE MEDIA

Acuso a clase media -grandes e pequenos
    burgueses-
porque eles foron e son os que traicionan
o esprito sinxelo, enxebre e antergo de Galicia.
Pertenzo ó pobo e falo no seu nome.
Falo en nome dos mariñeiros, dos labregos,
dos ferreiros, dos criados de servir,
dos zoqueiros, dos muiñeiros e arrieiros;
dos humildes carpinteiros de ribeira;
dos alugados que iban a Castela;
dos caseiros que non teñen terra de seu;
dos que se ven obrigados a emigrar;
dos probes de esprito e dos probes de pedir;
do coitado xornaleiro que de sol a sol
aínda anda virando a terra co arado romano.
Falo en nome de todos aqueles que,
anque teñen razón, non llela dan.
Acuso a clase media de egoísmo,
de non ser solidaria co seu pobo,
de brutalidade e de ignorancia,
de lles bicar os pés ós poderosos,
de traficar coa fame e coa miseria,
de vivir na súa terra despreciándoa,
intentando borrar o seu idioma,
asasinando o seu ser diferenciado.
Acuso a clase media de servil,
de axionllarse diante dos que mandan,
traiconando os seus, a xente súa,
o pobo indefenso e aldraxado.
Acuso a clase media de imitar
as modas que impoñen en Madrid
e de pechar covardemente os ollos
ás realidades que teñen diante si.
Clase media, grandes e pequenos burgueses,
comerciantes enriquecidos co estraperlo,
viñateiros, aceiteiros, contratistas,
avogados sen lei e sen concencia,
propietarios de casas e de contas correntes,
burocratas que adulades o amo
e que esquencedes o pobo de que vides,
xentes que comerdiades coa emigración,
coa fame, coa inxustiza e coa miseria;
ladrós que percurades tíduos nobiliarios,
asasinos que mercades insulxencias e autos
derradeiros modelo que vos leven ó ceio,
no nome do pobo, eu vos acuso¡

                                                                          Remol.


Comentarios

Entradas populares de este blog

Fragmento de "Los últimos días de nuestros padres" de Joël Dicker

SANTIAGO DE COMPOSTELA EN LOS LIBROS

"O faro escuro" de María López Sández