Fragmento de "A mamá que perdeu as cóxegas" de Clara do Roxo

Pero esa liña de investigación tamén rematou unha noite cando sen avisar abrín a porta da sala e atopei os meus pais apertados e dándose un bico, non un bico calquera, senón un bico coma os das peliculas, que semellaba que estaban a trabarse, pero eu ben sei que non estaban a trabarse. Axiña pechei a porta e marchei moi ledo para a cama, feliz de que esa sospeita non tivese pés nin cabeza, os meus pais queríanse, diso non cabía dúbida, e non ian separarse nin tería que vivir facendo o macuto continuamente dunha casa para outra. Habería segredos, pero aínda eramos unha familia, e os meus pais dábanse apertas e bicos de maiores. Esa noite deume un ataque de bágoas e soltei todos os nervios que agochara cando cría que eles dous podían separarse.