miércoles, 14 de septiembre de 2016

Fragmento de "Coma unha áncora" de Iria Collazo López

" O pesadelo comenzara había anos, lonxe da terra, e sempre se vía a si mesma como unha bolboreta presa dunha enorme arañeira en que un becho xigante a vixiaba con ollos de ollomol podre agardando dar boa conta das súas vísceras.

Pero neste terrible día de novembro non foran os pesadelos os que a espertaran. O mal fado quixo que o día de alegría na bisbarra as campás da igrexa esgazasen o silencio á mañá cedo, e non anunciando a festa, senón a desgraza máis absoluta.

María non conseguira pegar ollo desde a visita da Cegha. Ignoraba de que cova falaba e por que dicía que ía estar alí con Manuel. Puido pensar que tan só era unha tolemia, unha maldade de Amalia, ou mesmo un estraño xogo, pero soubo que era certo cando caeu no pozo branco dos seus ollos. Ollos brancos coma a neve que caera estes días e que xeara os tellados das casiñas das que saía agora a xente atemorizada, alertada polas badaladas incesantes que ventaban a desgraza e que a ela xa non a sorprenderan.

Miraba desde a ventá como corría a xente cara á igrexa, albiscando todo a través do bafo que cubría os cristais pola diferenza de temperatura co exterior. Como formigas corrían todos, prestos a axudárense uns aos outros, igual que sempre fixeran. Coa solidariedade propia das pequeñas comunidades, dos amigos, das familias. Pero María ficara estremecida diante da fiestra, pensando nas palabras enigmáticas de Cegha, incapaz de enfrontarse á terrible traxedia que ía chamar á súa porta. A ladaíña quedáralle gravada na memoria e repetíaa obsesivamente sen se decatar, coma unha canción de mal agoiro: Manuel está na cova e esta noite irei onda él. A anguria fixéraa vomitar innumerables veces nun caldeiro que puxera ao pé da cama. Esa noite non sabía que era o que podía facer: quedara paralizada coma un coello diante dunha forte luz."

1 comentario:

  1. Quería comentarlle que a nominei para o premio Liebster Award. Pode comprobalo no enlace que lle achego:
    https://evaloureirovilarelhe.blogspot.com.es/2016/12/premio-liebster-award.html

    ResponderEliminar