lunes, 18 de abril de 2016

Fragmento de "Amor é unha palabra coma outra calquera" de Francisco Castro

" Aquela escena, a da ruptura, aconteceu porque Xabier quixo que acontecese. Como en tantos outros momentos da súa vida foi el que actuou e ela quen reaccionou. Así foi sempre. Ela viviu pregando a súa vontade á vontade del. Mais cando tal se fai, cando alguén actúa así, no fondo é porque se agarda algo, algún premio, algunha recompensa, neste caso, emocional. E que era o que ela esperaba?, que buscaba? Ela diría: nada. Absolutamente nada. Eu nada buscaba. Amar é dar. Amor é Dar. Amor é renunciar para que o outro sexa. Amar é sacrificar por un soño común. Si, Carla, isto xa o falamos. E xa dixemos que  é un erro. Porque non hai un proxecto común. Hai como moito, proxectos. Proxectos dos dous, pero cada un co seu. O de  Xabier estaba claro e era realizable sen grandes complicacións: vivir ben, traballar duro, e estar tranquilo na casa. Contigo. O teu, non obstante, era moito máis fodido: facelo feliz, que el me faga feliz, sermos felices os dous xuntos polo feito de o estar. Iso é unha putada, Carla, a nada que o penses é unha putada. Pensar así é unha putada. Actuar así é unha putada. Debiches entender que só podías ser feliz por ti mesma, non a través do teu marido. Así nos aprenden a ser a todas e a todos, e por iso rematamos sendo, en especial tócavos ás mulleres, peor tratadas pola educación convencional occidental tradicional familiar machista, etcétera, simples e complicadas amantes do amor. E por iso, Carla, quixeches velo feliz, e cediches en todo, por el, por darlle gusto, estando atenta ao que quería ou ao que pensabas que el quería ( a pesar de que el non che prestaba atención, non se preocupaba pola túa felicidade, de feito, nin sabía, non o culpes, que tiña que facer tal cousa). E ti esperabas, por esa actitude túa, bicos, aloumiños, sexo, agarimo. Mais non funciona así. Nunca funciona así. Non o esquezas nunca, Carla, e menos hoxe que estás a piques de iniciar unha aventura que nin imaxinas"

2 comentarios:

  1. Neste fragmento vese claramente que amaba o marido e non lle importaba o que el fixese o dixese. Era feliz con unha caricia ou unha aperta aunque no fondo sabía que non era sincera, porque eso nótase... Tivo que estar apartada del para darse conta de que podía ser feliz por si mesma. Durante o seu matrimonio foi "unha cousiña linda" que o seu home podía presentar en todo tipo de eventos, culta, educada, unha monada de muller sempre disposta a satisfacelo sin pedir moito... a eterna historia que case sempre acaba mal...En fin, todas as que seguen o teu blog deberían leelo e tamén eles, tal vez así aprendan un pouco do que queremos as mulleres e tamén do que somos capaces sin eles...Vicky.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Ola Vicky, tes razón no que dis, afortunadamente as cousas van cambiando e as mulleres cada día demostran que non somos obxetos para exponer que somos moito máis que eso. Penso que os homes, teñen moito que aprender das mulleres que aínda non saben, pero o que primeiro teñen que aprender es o respeto por nosoutras e o traballo que levamos a cabo, non só nas casas, senon en tódos os ámbitos da vida, igual que nosoutras os respetamos a eles. Alegrame ver que te gustou o libro. Bicos.

      Eliminar