miércoles, 4 de noviembre de 2015

Fragmento de "A identidade fascinada" de Antonio Piñeiro


" E logo estaba Clangor a ábsida da noite ou o sancta sanctorum dos grupos e nomes que viñan de pulular pola cidade, plenos de contarse as cousas, contra a distonía de faros, miradas, reverberación, tasca e boîte.

Clangor era coma unha bag de románico ou de romanicogótico, o bolsiño bandoleira cargado de cleenex con suor, resto de estoxo, músicas e ritmos estudados. Dicía Fernando Pereira que a apertura de Clangor coincidiu co peche de Rock-Ola. Era iso. O paso dun período a outro. O novo. Claramente mentres se cocía a sopa dos baby boomer nas vellas olas-aulas da Universidade compostelá. O canto ortoédrico, branco e negro, da Clangor, era xa para a linguaxe de xestos, o sorriso, o labio, os flocos ou o movemento divinizado dos corpos. Difícil entrar alí noutra conversación que non fose a da música.

 As viñetas, o saxo, as figuras anxo, os movementos cavernarios que eran parte daquel ritual two tone das paredes, a cuxos pés quedaban sempre embarulladas as pilas de bolsiños, vasos tubo, e chaquetas, cos folios aínda -quizais- de apuntamentos nos petos. 

Era a confianza tácita do local, da rúa interior e penumbra de Clangor onde, coma nas rúas do ensanche, todos os descoñecidos se coñecían.

A Clangor chegárona a cualificar como a primeira sala da España posfranquista en programar bandas independentes. Ben. Quizáis iso sería aventurarse demasiado; pero o que si foi significativo é esa implicación: traer a música a Santiago. Ese foi, sen dúbida, un dos catalizadores. Máis alá de que o propio local, xunto co Hipódromo, fose tamén estímulo ou orixe dalgúns dos máis importantes protagonistas da música dos oitenta en Galiza."

No hay comentarios:

Publicar un comentario