jueves, 23 de julio de 2015

"O vigairo.A monxa-frade.Agromar.Aucto de Santa María" de Xosé Filgueira Valverde

Ola¡¡ Hoxe traio un libro "O Vigairo. A monxa-frade.Agromar.Aucto de Santa María" do escritor Xosé Filgueira Valverde. Editado pola Editorial Galaxia co motivo da conmemoración do Día das Letras Galegas do ano 2015 que foi adicada a este escritor.

Atopamos aquí un libro con diferentes relatos e que está encabezado por "O Vigairo". Son catro relatos ben distintos, non só pola súa temática senón tamén por o seu estilo literario xa que dous desesrelatos son narracións e os outros dous son  teatro.

Non se caracterizan ningún dos catro por ser relatos longos, entre os catro forman un libro de cento cincoenta e nove páxinas, pero as súas temáticas dan moito que pensar.

Na primeira narración, "O Vigairo" atoparedes un relato "costumista" no que se narra unha pequena parte da historia de Pontevedra. Filgueira Valverde achéganos a historia doutro tempo a través da vida de Xohán de Pontevedra, "o vigairo", un persoaxe moi importante nas vilas mariñeiras por ser o máximo representante dos mariñeiros da vila e, polo tanto, unha persoa moi respectada naqueles tempos por todos os seus veciños e compañeiros na mar. Seguindo os pasos do vigairo coñeceremos como eran as vilas naqueles momentos, o sentir do pobo. A min pareceume un texto moi melancólico no que Filgueira Valverde a través dos pensamentos do Vigairo anhela aqueles tempos e aquela vida moito máis sinxela que a de hoxe, onde todo era máis xenuíno. Asemade, ensina un periódo onde a sociedade galega empezaba a cambiar os seus usos e costumes a través das novas xeracións, que facían  unha inmersión nos novos modos de vida, sen voltar a vista atrás. É a visión da caída dunha xeración de persoeiros da sociedade galega que, nun momento da  historia,  foron moi importantes para as sociedades nas que vivían e servían, pero que logo foron olvidados e deixados de lado, en moitos casos, pola chegada dos novos tempos.

"A monxa-frade" é un relato sen rematar pero que aínda así non perde nada de interese. É un texto inédito recuperado para a presente edición deste libro. A min, neste caso, o texto fálame da loita de calquera persoa por conseguir os seus desexos, máis non calquera desexo, senón a loita por vivir segundo as túas conviccións e a túa forma de sentir. Unha crítica contra aqueles que impoñen ós outros as súas ideas e lles impoñen unha vida que non desexan, destrozando así a súa autoestima e impedíndolles vivir en liberdade. Para min é un canto a aceptación de cada persoa según é, cos seus defectos e virtudes e un canto para que cada quen viva como sente sen importar o que os demáis pensen ó respecto. Un vive e deixa vivir.

"Agromar", unha pequena obra de teatro creada polo autor para representar nos colexios, unha obra que se pode modificar segundo as necesidades alongándoa ou acortándoa segundo suxire o propio Filgueira Valverde na propia obra.
Aquí atoparedes unha obriña sinxela pero profunda en canto os seus contidos. Rápida de ler ó ser unha obra teatral, pero cuns diálogos entre os persoaxes que moven a moitas reflexións. A amizade, a defensa da nosa cultura e da nosa lingua, críticas contra o clasismo, contra aqueles que pensan que hai cidadáns de primeira, de segunda e de terceira e que según con que lingua fales serás máis ou menos importante, ou serás máis ou menos intelixente según a linguaxe que uses. Prexuizos que moitas veces, a maioría das veces diría eu, fanse acompañar de etiquetas absurdas e inxustas. Unha defensa do idioma galego como sistema de comunicación e tamén como unha forma de crear arte. Penso que esta obra é unha moi boa ferramente para amosar ós nosos pequenos que non por falar en galego son menos que os demais. Unha maneira divertida de ensinar valores ós máis pequenos: a través dunha obra de teatro e lendo un libro. A min , xunto co texto da "monxa-frade" foi o que máis me gustou.

Finalmente "Aucto de Santa María", para min foi unha sorpresa despóis de ler os textos anteriores, sorpresa pola súa temática...un texto litúrxico mediaval en lingua galega que en realidade é unha reelaboración dun auto sacramental con textos dos séculos XIII e XIV e que adaptouse ó galego actual para  a súa mellor comprensión. Este texto publicouse por vez primeira no número 25 da revista Grial. Conta cunha pequena aclaración do autor sobre as fontes que utilizou e a finalidade do texto. Para min resultou unha novidade pois recoñezo que teatro litúrxico en galego non lera nunca nada. Sobre a temática desta peza non teño moito que añadir, o texto fala por si mesmo e todo é cuestión de fe. O que sí destacaría eu é o esforzo do autor por recuperar para todos uns textos da idade media que hoxe non entenderíamos moi ben pola evolución do idioma, tamén diría eu que é  unha axuda para ver mellor cómo sentían e entendían naqueles tempos o téma relixioso.


2 comentarios:

  1. Pois tampouco coñecía este libro. Non adoito les libros deste tipo e creo que este non será unha excepción. Aínda así, é unha reseña ben xeitosa.
    Bicos.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Pois moi ben Abracalibro, só engadir un agradecemento pola visita e polas túas palabras, espero que algún día cambies de opinión e leas algún destes libros xa que todos aportan sempre algo bó. Un saúdo¡¡

      Eliminar