domingo, 19 de abril de 2015

"Quintana viva" de Xosé Filgueira Valverde


O libro "Quintana viva" do escritor Xosé Filgueira Valverde, (editado pola Editorial Galaxia, na colección Literaria e dentro da nova Biblioteca Xosé Filgueira Valverde) é un libro delicado (como a súa cuberta decorada cunha imaxe de Ovidio Murguía e de nome "Verán"), escrito en prosa poética como o seu autor di no libro.

Uns relatos de coidado formato, cortos e concisos nos que, cun vocabulario rico, amósanos un retrato costumbrista  dun mundo perdido, unha Galicia extinguida ou si acaso só existente en pequenos pobos e pequenos recunchos do interior do noso pais. Esos recunchos onde o tempo vai máis lento, as sensacións son máis auténticas e os sabores máis intensos.

Unha obriña dividida en catro apartados e onde se amosan algúnhas das mellores pezas literarias do autor coas que pretente amosarnos unha Galicia dos anos vinte onde a forma de vivir e de sentir era moi diferente a de hoxe en día.

Así a través da visión dos cativos, e recordando un pouco os escritos de Castelao, no apartado de nome "Os nenos", Xosé Filgueira rememora o vello sentir do pobo galego, as súas crenzas, os seus medos, as súas supersticións e os seus costumes. Unha sociedade de ricos e pobres que se miran de reollo e con carraxe. A vinganza, a amizade, o medo a morte, a soidade, as festas populares, a envexa. Todos en conxunto amosan o mundo galego a través dos ollos da inocencia.

Nas seguintes escolmas "Artistas aldeáns" e "Obradoiro" amósanos os homes e mulleres traballadores dos pobos, e tamén o convivir dos moradores dos mesmos.  Atopamos poboadores  que teñen soños e ilusións. Seres que polo seu oficio, polo seu diñeiro ou pola súa posición social creen ser algúen único e especial no pobo e queren chegar a máis, sobresaír, máis a vida e os seus veciños encargaránse de poñelos no seu sitio.

 En "Obradoiro" da man da torre Berenguela, Xosé Filgueira tráenos as dúbidas, loitas internas de verdadeiros artístas que loitan entre seguir a tradición familiar ou seguir os seus pasos e os seus desexos, máis o destino levarános por camiños sorprendentes ata facélos destacar polo seu traballo sen que eles buscaran ese recoñecemento e fama.

Finalmente a sección "Os nomeandeiros" (para min a sección máis curiosa) na que en dezaseis relatos cortos nos que veremos a importancia de nomear as cousas, e as cousas curiosas que suceden as veces a través dos nomes. Para min unha forma de facer pensar na nosa propia fala, nas súas curiosidades, máis tamén outros mensaxes por entre as liñas  que te fan pensar e terminas dicindo mentras pasas a outro conto..."ten razón".

En fin, un libro no que sin darte conta acabas vendo a cultura galega, unha forma amena e orixinal de presentar as nosas formas de sentir e de actuar, a nosa lingua e o seus usos, a forma de convivir e de entender a vida naqueles tempos e unha forma de amosar as tradicións que se tiñan . Para min un retrato fiel que foi Galicia nun tempo e que probablemente xa non volverá, maís tamén unha maneira de ensinar a importancia de non perder a nosa singularidade como pobo e unha crítica social por entre liñas moi ao estilo do señor Castelao. De feito o libro acompáñase con ilustracións de Castelao, de Xosé Sesto, Luis Seoane, Luís Pintos Fonseca e de Manuel Torres que fan referencia ós textos que van aparecendo na obra.

Para min foi unha moi boa adquisición, un libro precioso para regalar¡¡ Leédeo, gustarávos¡¡

2 comentarios:

  1. Teño que ler máis en galego, que o fago moi pouco. Tomo nota deste libriño que nos traes hoxe. Este xoves, aproveitando o desconto do Día do Libro, comprareino. E xa che conto...
    Bicos,

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Grazas Carmen, xa me contarás cando o remates de ler. Grazas por vir. Un saúdo¡¡

      Eliminar