viernes, 17 de abril de 2015

Fragmento de "Quintana viva" de Xosé Filgueira Valverde

O ALCUMANTE

Do mesmo xeito que  cada freguesía ten un seu cantaruxeiro que fai as cantigas para os Entroidos, os Maios e as chocalladas, tamén hai en todo lugar un tal que pon os alcumes. Ninguén llo leva a mal, e ainda non falta quen deixe encargado que lle poñan a nomeada na necrolóxica cando morra:

-Debaixo daquilo de " El Señor Don Francisco Rigueiro da Ponte", enriba do RIP, poñedes, entre parénteses (Mixela).
- Pero home, mira que ese é un remoquete moi feo.
- Primeiro que non vén a conto discutilo, porque non hei morrer tan cedo, e logo que non digo que faga bonito ou feo,  eu son para todos o Mixela, dende que me lumbrou dese xeito o Alcumante, e Mixela hei ser de morto...

 E no seu día, nas necrolóxicas, baixo os nomes, vanse vendo no xornal "Chilgorro", "Memelo", "Calacú", "Picheleiro", "Xatevexo", "Titirití" e aínda "Ricoporco" e "Papalandochas", que todos foran sacados do caxín do Alcumante.

 Deica o dia en que, ao saírmos da misa, vae e dinos:

- Dende hoxe, chamádesme "Bautista"
- Pero ho....
- Non, que iso do Alcumante foi posto por vos e non vou ser o único da parroquia que non leve unha boa lumbrada posta por min.

Ninguén lle fixo caso, e agora non pon alcuñas a ninguén.


No hay comentarios:

Publicar un comentario