Fragmento de "O meu pesadelo favorito" de María Solar

A muller indicoulle que abrise sen medo a caixiña turrando do tirador azul que tiña. Así o fixo e entón viuse na praza dunha vila estranxeira, parecía americana, sen dúbida era a que indicaba na ficha. Había xente camiñando, reparou na beirarrúa, nun mozo e unha moza duns 30 anos que camiñaban xuntos, falando. El era alto, de pel moi branca con moitas pencas e uns intensos ollos azuis, ela levaba o pelo recollido nunha coleta que se movía ao andar, era morena e tamén moi branca ainda que sen pencas. Levaban roupas de abrigo, era inverno e ía moito frío. De súpeto empezou a caer moita auganeve. Grandes gotas que comenzaron a mollar o pelo dos dous, e correron cara a un supermercado próximo para abrigarse. Botaron unha curtiña carreira, berrando e rindo por aquela inesperada chuvia que os estaba enchoupando. Sen saber ben como, colléronse da man para apurar máis. E así alcanzaron o lugar resgardado e riron xuntos, moi cerca un do outro, moi cerca unha boca da outra, a piques de rozarse, e os dous sentiron o bico, aproximáronse, pero entón puxéronse serios e separáronse a un tempo. Por vergoña, porque se se daban un bico non sabian que ía pasar, porque lles dou medo ser mozos. Polo que fose, o caso e que aquel bico que sentiron, non o deron. E alí estaba agora, nunha caixiña na sección de "Bicos que non se deron", no almacén de beixos, para que os dous, cando quixesen ao longo da súa vida, puidesen soñar que o daban.


Comentarios

Entradas populares de este blog

Fragmento de "Los últimos días de nuestros padres" de Joël Dicker

SANTIAGO DE COMPOSTELA EN LOS LIBROS

"O faro escuro" de María López Sández